A Unión Europea abre unha convocatoria de 15 millóns en axudas para empresas TIC no marco do Horizonte 2020

A vicepresidenta da Comisión Europea (CE) e titular da Axenda Dixital Europea, Neelie Kroes, vén de anunciar a convocatoria de axudas destinada a mozos emprendedores do sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación na que se repartirán 15 millóns de euros en proxectos innovadores.

A convocatoria é a primeira deste tipo do novo programa multianual HORIZONTE 2020 e estará aberta até o próximo 23 de abril, segundo informou o Executivo.

Do total de 15 millóns, 5 destinaranse a "desenvolver e promover as iniciativas emprendedoras" no sector, en particular entre os estudantes universitarios e de formación profesional. Outros 10 millóns irán parar a empresas xa activas que utilicen a tecnoloxía Web ou Móbil "como parte fundamental do seu modelo de negocio" con vistas a consolidar ou expandir as súas actividades.

Os fondos están especialmente dirgidos a proxectos que desenvolven conexións entre empresas ou polos industriais ou novos servizos a través de internet ou o teléfono móbil.

Os interesados poden enviar unha PRE-PROPOSTA á Comisión Europea que avaliará e fará as recomendacións necesarias de face á presentación final da solicitude.

Máis información:
Programa Horizonte 2020