Aprobado o dominio .gal

Aprobado o dominio .gal

Image removed.

Dende hoxe o dominio .gal é xa unha realidade. A ICANN, o organismo internacional que goberna as direccións da Internet, comunicou este venres, a aprobación da candidatura do .gal, que pretende conseguir para a lingua e a cultura galegas un dominio propio en internet e, a través del, unha maior visibilidade e presenza do pobo galego na rede e no mundo.

Esta iniciativa foi promovida pola Asociación PuntoGal, que dende a súa creación traballou incansablemente na consecución deste obxectivo que por fin viuse satisfeito, grazas ao apoio unánime de toda a sociedade galega dentro e fora das nosas fronteiras, como así o demostran os máis de 12.000 apoios cidadáns obtidos, máis de 110 entidades adheridas, máis de vinte asociacións de galegos no exterior de países como Estados Unidos, Brasil, Portugal..., e máis de sete anos de traballo que por fin deron os seus froitos. Un fito histórico para todos os galegos alí onde queira que estean.

Image removed.

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) forman parte da asociación PuntoGal dende a súa creación. Tanto o COETG como a AETG implicáronse de cheo neste proxecto dende o principio, porque crían profundamente nel, como así o demostra a súa participación en diferentes actos e a dedicación dun dos eventos máis relevantes do sector TIC en Galicia, a Noite Galega das Telecomunicacións, á promoción do dominio .gal entre toda a sociedade galega.

Image removed.Image removed.

O presidente da Asociación PuntoGAL, Manuel González, deu a coñecer esta gran noticia nunha rolda de prensa en Santiago de Compostela, acompañado polos representantes da Asociación PuntoGAL, entre os que se atopaba o Xerente do COETG/AETG, na que afirmou que “As letras .gal vanlle estar recordando ó mundo cada día que existe unha comunidade que se chama Galicia e unha cultura e unha lingua que se chama galego” e engadiu que “É unha conquista de toda a sociedade e un exemplo de que todos xuntos podemos”, “que lle vai dar visibilidade universal á nosa personalidade particular”.