A XXX Noite Galega das Telecomunicacións porá o foco na “Defensa invisible” e recoñecerá a referentes do sector tecnolóxico, sanitario e da defensa
O enxeñeiro de telecomunicación Miguel Santos Fernández, a Delegación de Defensa en Galicia e o proxecto UMAX do servizo de Urxencias do CHUAC serán distinguidos nos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2026
O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) celebrarán o vindeiro 29 de maio no Museo de La Voz de Galicia a XXX Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, o principal encontro anual do sector tecnolóxico e das telecomunicacións en Galicia.
Nesta edición, que coincide co trixésimo aniversario do evento, o lema escollido é “Defensa invisible”, unha temática que pretende poñer en valor o papel esencial —e moitas veces descoñecido— que desempeñan as telecomunicacións na defensa e seguridade dun país.
As telecomunicacións están presentes en ámbitos estratéxicos como os sistemas de detección e vixilancia, as comunicacións seguras, os sistemas non tripulados e as conexións vía satélite. Son fundamentais na protección das infraestruturas críticas e na prevención de ciberataques, para garantir a coordinación, a resposta e a seguridade da sociedade nun contexto global cada vez máis complexo.
O COETG-AETG anunciou tamén os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2026, que recoñecen a excelencia profesional, a innovación e a contribución social da enxeñaría de telecomunicación.
O premio Enxeñeiro do Ano 2026 será para Miguel Santos Fernández, CTO de MasOrange, en recoñecemento á súa destacada traxectoria profesional e ao seu papel clave no desenvolvemento das infraestruturas e servizos de conectividade en España.

O premio Socio de Honra 2026 recaerá na Delegación de Defensa en Galicia, recollendo esta distinción o Delegado de Defensa e Capitán de Navío, Jesús Ángel Paz Pena, en recoñecemento á contribución da institución ao fortalecemento da seguridade e da estabilidade, así como ao seu compromiso coa cooperación institucional e o desenvolvemento tecnolóxico no ámbito da defensa.

Pola súa banda, o Premio Amtega ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais 2026 será para o servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC), polo seu proxecto UMAX de trazabilidade física e asistencial, unha iniciativa innovadora que aplica tecnoloxías avanzadas de comunicación e xestión de datos para mellorar a atención sanitaria. Os responsables do proxecto son Lino Carrajo García, xefe de servizo de Informática, María de la Cámara Gómez, xefa de sección de Urxencias e José Manuel Fandiño Orgeira, coordinador deste servizo.

Ademais, entregarase o premio ao Mellor Expediente Académico do Mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, que nesta edición corresponde a David Fernández Iglesias, recoñecendo así o talento emerxente da profesión.

Con esta 30 edición, a Noite Galega das Telecomunicacións reafirma o seu papel como principal punto de encontro do ecosistema tecnolóxico galego e como espazo de recoñecemento ao talento, á innovación e ao compromiso coa sociedade.
Máis información en Noite Galega das Telecomunicacións.