Participa nas xornadas de difusión do uso de software libre no terceiro sector
A Amtega solicitou a colaboración do COETG/AETG para impartir a xornada de difusión de experiencias de uso de software libre, dirixida ás entidades do terceiro sector, que se celebrará o xoves 22 de outubro en horario de tarde na cidade de Santiago de Compostela.
Esta xornada forma parte dun conxunto de actuacións de formación e difusión dirixidas ao terceiro sector que se van desenvolver nos meses de setembro e outubro.
O obxectivo principal é achegar ás entidades do terceiro sector experiencias de implantación e uso de solucións tic libres que lles permitan mellorar o xeito en que se xestionan, a súa operativa diaria e a súa organización. A idea é que grazas ao coñecemento de experiencias doutras entidades semellantes no uso de solucións libres poidan vencer os medos, resistencias, ou simplemente descoñecemento que lles poidan estar freando para a implantación e uso no terceiro sector.
Por outra parte, búscase tamén que sexa un punto de encontro para as entidades do terceiro sector e o sector TIC, no que poder compartir experiencias e boas prácticas no uso das TIC con licenza libre. O obxectivo é que as entidades deste sector (ONGs, ONGDs, Asociacións, colectivos de voluntarios, etc) participen nesta xornada contando tanto as súas prácticas no uso de solucións tic libres como as necesidades que aínda teñen sen cubrir, e por outra parte que aquelas organizacións ou empresas TIC, que desenvolven ou implantan software poidan achegar a súa experiencia ao sector e ao tempo coñecer as necesidades das entidades asistentes.
Tendo en conta estes obxectivos, ábrese o prazo, ata o 14 de setembro, para recibir propostas para participar nesta xornada expoñendo experiencias de migración, implantación, asesoramento, etc. que poidan ter ese carácter tractor.
Máis información: Xornada Software Libre