O enxeñeiro de telecomunicación Alberto Rodríguez Raposo, é o novo Director Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información

O lucense Alberto Rodríguez Raposo ocupará o cargo de Director Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información, segundo informou o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo tralo Consello de Ministros celebrado o pasado 5 de xaneiro.

O noso compañeiro, nacido en Lugo en 1965, tamén cursou estudos de Ciencias Económicas, sendo funcionario da Administración do Estado desde 1992.

O novo Director Xeral de Telecomunicacións ocupou diferentes postos de responsabilidade na Secretaría de Estado de Telecomunicacións, máximo órgano reitor das Tecnoloxías da Información e a Comunicación en España, cunha activa participación no proceso de liberalización do sector.

Así, entre 2000 e 2004 foi director da entidade pública Red.es, entidade encargada da xestión dos programas para o fomento e desenvolvemento da Sociedade da Información e, desde xaneiro de 2008, Rodríguez Raposo traballou na Dirección de Investigación da Comisión Nacional da Competencia.