A Asociación de Enxeñeiros de telecomunicación de Galicia participa na presentación da primeira web con dominio .gal
A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, como entidade integrante da Asociación PuntoGal, participou esta mañá na presentación da primeira páxina web baixo o dominio da Internet para a sociedade galega: www.dominio.gal. A presentación tivo lugar na véspera do Día das Letras Galegas na Cidade da Cultura de Galicia e contou coas intervencións de Manuel González, presidente da Asociación PuntoGal, Alberto Nuñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia e Xosé Antonio Gómez Segade, catedrático de Dereito da Universidade de Santiago.
Ao acto de presentación asistiu, entre outros, o representante da AETG na Asociación PuntoGal, Javier Fernández Fraga.
O novo portal explica os prazos e os criterios que rexen o lanzamento do .gal. Así, dende o 1 de xuño a Asociación aceptará candidaturas para o Programa de Pioneiros. A seguinte fase, bautizada como Abrente, comezará en setembro, durará até novembro e busca protexer dominios de interese público.Paralelamente ao Abrente haberá unha Carreira para o público en xeral para as direccións que non teñan dereitos preferentes. Durante a Carreira poderase poxar por direccións especialmente atractivas.E finalmente, en decembro, chegará a Fase Aberta, na que todo o público poderá acceder ao dominio .gal sen máis restricións.