A AETG e a AMTEGA asinan un novo convenio para o fomento da Sociedade da Información
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) asinaron o documento o cal recolle unha serie de actuacións encamiñadas a contribuír ao desenvolvemento tecnolóxico da nosa Comunidade e que se concretan en actuacións como a elaboración dunha Guía Técnica de Instalación das Infraestruturas necesarias para ofrecer servizos de Fogar Dixital, o servizo de Asesoramento a concellos sobre a normativa e solucións técnicas para o despregamento de infraestruturas de telecomunicación e as Medicións e controis sobre a calidade de banda larga en zonas de Galicia con necesidades específicas.
As actividades recollidas neste acordo asinado pola directora da Amtega e o presidente da AETG, dán continuidade ás medidas contempladas en convenios anteriores que se enmarcan dentro das accións definidas na Axenda Dixital de Galicia. Así, elaborarase unha guía técnica de infraestrutura de soporte de Fogar Dixital, que incluirá un proxecto tipo para a instalación destas infraestruturas nas vivendas de nova construcción que recollerá as implicacións e indicacións do Decreto 127/2016, do 15 de setembro, polo que se regulan as infraestruturas necesarias para posibilitar as funcionalidades do fogar dixital nas vivendas de nova construción. Este decreto garante que as novas vivendas dispoñan das infraestruturas necesarias para ter acceso a servizos dixitais avanzados tanto sociosanitarios, como de eficiencia enerxética, domótica, seguridade ou confort. Ademais, a norma establece que para obter as licenzas oportunas será requisito obrigatorio proxectar e instalar as infraestruturas de soporte do Fogar Dixital e recolle, tamén, a recomendación de que estas se inclúan cando se rehabiliten ou remodelen as vivendas xa existentes.
A AETG levará a cabo unha análise e estudo exhaustivo da norma e elaborará documentación de soporte técnico dirixida aos axentes implicados na instalación das infraestruturas que posibilitan os servizos do Fogar Dixital.
O acordo contempla tamén o servizo de asesoramento que a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia pon á disposición dos concellos galegos sobre normativa e solucións técnicas para o despregamento de infraestruturas de telecomunicación. Este servizo está dispoñible a través do teléfono 981 91 35 76 en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00h e no enderezo de correo electrónico oficinaconcellos@aetg.gal. A medida exponse como unha canle de comunicación directa cos concellos para dar soporte ás súas necesidades no referente á actualización normativa e ao acceso á información tecnolóxica que condicionan o funcionamento diario das Administracións Locais.
Por outra banda, a AETG levará a cabo tamén un estudo sobre a calidade das redes de banda larga naquelas zonas da Comunidade que, polas súas características específicas, requiran de medidas de control concretas.