Participamos nunha xornada para impulsar os principios da Aceptación Universal da man de PuntoGal
O 27 de febreiro participamos nunha reunión de traballo para poñer en marcha un proxecto de divulgación sobre os principios da Aceptación Universal (UA), unha iniciativa internacional promovida pola ICANN que busca garantir que internet funcione correctamente en todas as linguas e alfabetos.
O encontro organizado por PuntoGal tivo lugar no Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela e reuniu a representantes do ámbito tecnolóxico, académico e institucional galego, co obxectivo de analizar os retos e oportunidades da implantación da UA e avanzar na creación de materiais técnicos e divulgativos que faciliten a súa adopción.
Un dos momentos centrais da xornada foi a intervención de Javier Fernández Fraga, secretario do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia. Na súa exposición, explicou os conceptos básicos da Aceptación Universal e subliñou a súa importancia para garantir a interoperabilidade dos sistemas, a correcta adaptación de software, aplicacións e servizos dixitais, o cumprimento dos estándares internacionais e un funcionamento axeitado de correos electrónicos e dominios en galego.

Ademais, advertiu que a ausencia de UA pode provocar que enderezos de correo en galego non funcionen correctamente en determinadas webs e aplicacións. E destacou que integrar estes principios desde as fases iniciais do desenvolvemento tecnolóxico simplifica procesos, reduce custos e facilita a internacionalización de produtos e servizos dixitais.
Esta sesión permitiu poñer en común experiencias e necesidades das distintas entidades participantes. As achegas servirán para reforzar os materiais que PuntoGal está a preparar para apoiar administradores de sistemas e desenvolvedores.
Tras encontros previos celebrados en Vigo e A Coruña, este é o terceiro ano consecutivo no que PuntoGal impulsa accións vinculadas á Aceptación Universal, consolidando o seu compromiso cunha internet máis inclusiva, multilingüe e respectuosa coa diversidade cultural.
Máis infromación: PuntoGal