O sector TIC galego amósase ante unha delegación de mandatarios de Perú e México

O sector TIC galego amósase ante unha delegación de mandatarios de Perú e México

O luns día 20 iniciouse a Misión Inversa a Galicia, organizada por Ineo e na que colabora o COETG, pola cal unha delegación de 15 mandatarios de Perú e México visitan a nosa comunidade, co fin de coñecer a tecnoloxía galega orientada a cidades intelixentes e dar a coñecer, a súa vez, as necesidades tecnolóxicas das entidades ás que representan.

Image removed.

Esta xuntanza trasatlántica foi inaugurada nun acto que tivo lugar en Santiago de Compostela na que participou o xerente do COETG, Ricardo Fernández, quen fixo un repaso polas principais iniciativas do colexio en materia de Cidades Intelixentes, como por exemplo o impulso aos edificios dixitais ou a creación da oficina de asesoramento ás entidades locais no despregue de infraestruturas TIC.

Posteriormente ao acto de apertura os 15 mandatarios participantes fixeron unha presentación das entidades ás que representan explicando as súas necesidades tecnolóxicas.

Repercusión en prensa:
Código Cero

Os mandatarios visitan a Smart City A Coruña da man do COETG

Xa pola tarde a delegación de mandatarios tiveron a ocasión de coñecer a tecnoloxía Smart City A Coruña na visita que realizaron a esta cidade. Os mandatarios foron recibidos no palacio de María Pita polos responsables das áreas municipais de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do concello da Coruña, Martín Fernández Prado e de Facenda, Rosa Gallego, entre outros. Estiveron acompañados tamén polo decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro, o xerente do mesmo, Ricardo Fernández.

Image removed.

Despois dun breve percorrido polo Palacio de María Pita, asistiron á presentación do proxecto Coruña Smart City a cargo de Martín Fernández Prado e á visualización do vídeo sobre CSC. A continuación, realizaron un percorrido pola cidade no que tiveron a oportunidade de utilizar a app de visitas guiadas en determinados puntos do tour.

Repercusión en prensa:
La Opinión
Noticieirogalego.com