Declaración do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia con motivo do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2015

Declaración do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia con motivo do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2015

Hoxe día 17 de maio, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) diríxese á sociedade galega unha vez máis, con motivo da celebración do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2015, data na que se conmemora o 150 aniversario da fundación da Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT) e da firma do primeiro Convenio Telegráfico Internacional en 1865.

O COETG súmase anualmente a esta conmemoración promovida pola Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT) e celebrada por multitude de organismos a nivel internacional, coa finalidade de sensibilizar á comunidade global sobre as vantaxes que brinda a utilización de internet e as tecnoloxías da información e a comunicación á sociedade e á súa economía, así como nas formas de reducir a fenda dixital.

Tamén hoxe día 17 de maio celébrase en Galicia o Día das Letras Galegas, data dedicada á exaltación e promoción da nosa cultura e a nosa lingua dende 1963, coincidindo co centenario da publicación do libro “Cantares Gallegos“ de Rosalía de Castro. O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia súmase tamén a esta conmemoración.

A temática escollida este ano para conmemorar o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información está centrada nas Telecomunicacións e as TIC’s como impulsoras da Innovación, un slogan co que se pretende dar énfase á relevancia que pode chegar a ter a utilización das novas tecnoloxías como aceleradoras nos procesos de innovación tanto no ámbito empresarial como no ámbito social.

A innovación, enténdese segundo as estratexias europeas de desenvolvemento económico, como un dos principais eixos para un crecemento intelixente, sustentable e integrador que busca o desenvolvemento dunha economía baseada no coñecemento e na propia innovación. As iniciativas europeas para os vindeiros anos a nivel rexional, tratan de impulsar o desenvolvemento económico sustentable mediante a creación de emprego, en particular nos sectores de alto valor engadido; a priorización de investimentos fundamentalmente no fomento da economía de coñecemento e a potenciación da I+D+i; o apoio ás pequenas e medianas empresas para a mellora da súa competitividade; e o desenvolvemento sustentable incrementando o uso, a calidade e o acceso ás TIC.

As Telecomunicacións e as Tecnoloxías da Información inciden en todos os sectores da economía por seren de natureza transversal e prestar servizos de valor engadido a outros sectores, actuando como mecanismos promotores da competitividade.

Ademais desta transversalidade, o sector das TIC posúe un importantísimo carácter estratéxico como sector vertical. Neste senso, é imprescindible redobrar esforzos para, partindo do xa existente, crear e potenciar un sector industrial das telecomunicacións e das tecnoloxías da información en Galicia que actúe como xerador de riqueza e catalizador da competitividade e do benestar social. Dispoñemos de profesionais altamente cualificados e de empresas altamente tecnificadas que poden servir de base para tan ambicioso proxecto. Fixemos prazos e poñámonos en marcha.

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e o colectivo de profesionais que o conformamos, avogamos polas Telecomunicacións e as TIC e a industrialización como impulsoras da innovación coa finalidade última da mellora do benestar social. Esta é a nosa filosofía de traballo como enxeñeiros de telecomunicación.

Manifesto do COETG 2015"