O COETG rende homenaxe a Perfecto Meixengo, Xefe Provincial de Inspección de Telecomunicacións de Lugo
O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia rende homenaxe ao que durante anos foi Xefe Provincial de Inspección de Telecomunicacións de Lugo, Perfecto Meixengo Armada, tras toda unha vida profesional dedicada ao fomento e impulso das telecomunicacións.
Ao redor de vinte asistentes arrouparon ao homenaxeado nunha cerimonia de recoñecemento ao seu compromiso co desenvolvemento das TIC en Galicia. Durante o acto, o invitado de honra recibiu da man do decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro, unha placa conmemorativa en agradecemento aos seus anos de dedicación ao sector das telecomunicacións.
Foron testemuñas da entrega os Xefes e Ex-xefes provinciais das Xefaturas de Telecomunicacións de Galicia, diversos membros da Xunta de Goberno e Directiva do COETG e da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), representantes da Administración no sector das telecomunicacións e do Grupo de Exercicio Libre da Profesión do Colexio, entre outros.
Despois de finalizar os seus estudos como enxeñeiro de telecomunicación, Perfecto Meixengo, ocupou postos de mantemento de equipos de comunicacións, radares, etc. en buques da Armada en Gran Canaria e Ferrol ata 1988, ano no que foi nomeado Xefe Provincial de Inspección de Telecomunicacións de Lugo. Dende este posto e durante case 27 anos, o homenaxeado, xunto cos seus homólogos das outras provincias, contribuiu á proliferación das TIC en Galicia implantando os novos sistemas de telecomunicacións das últimas décadas.