A AMTEGA e a AETG desenvolverán actuacións conxuntas para o fomento da Sociedade da Información

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) asinaron hoxe en Santiago de Compostela un convenio de colaboración que recolle unha serie de actuacións encamiñadas a contribuír ao desenvolvemento tecnolóxico da nosa Comunidade.

Concretamente, no marco deste convenio a AETG desenvolverá actuacións de formación e capacitación en materia de telecomunicacións para profesionais deste ámbito e unha xornada dirixida á cidadanía sobre a tecnoloxía 5G. Por outra banda, tamén levará a cabo un estudo sobre a calidade das redes de banda larga naquelas zonas da Comunidade que, polas súas características específicas, requiran de medidas de control concretas.

O acordo contempla, ademais, a posta á disposición dos concellos galegos dun servizo de asesoramento sobre normativa e solucións técnicas para o despregamento de infraestruturas de telecomunicación. Este servizo está dispoñible a través do teléfono 981 91 35 76 en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00h e no enderezo de correo electrónico oficinaconcellos@aetg.gal. A medida exponse como unha canle de comunicación directa cos concellos para dar soporte ás súas necesidades no referente á actualización normativa e ao acceso á información tecnolóxica que condicionan o funcionamento diario das Administracións Locais.