A AETG asina un convenio de colaboración co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
O presidente da AETG, Julio Sánchez Agrelo e o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Francisco X. González Sarria, asinaron onte día 14 de novembro un convenio marco de colaboración para instrumentar e regular a súa colaboración de cara ao interese común de ámbalas dúas entidades e dos seus colexiados e asociados.
O convenio contempla a realización de forma conxunta de actividades e proxectos en beneficio de ambos colectivos, entre as que se atoparían actividades formativas, eventos, publicacións, traballos de investigación ou dossieres informativos sobre temáticas de utilidade para os dous ámbitos profesionais, e calquera outra actividade de interese común que se verán materializadas a partires da sinatura dos oportunos convenios específicos.
A AETG leva a cabo este tipo de iniciativas, xunto co Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, co obxecto de promover a cooperación e a colaboración para o desenvolvemento e a incorporación das novas tecnoloxías das telecomunicacións e da sociedade da información en diferentes ámbitos profesionais.
No acto de sinatura, os dous representantes valoraron positivamente esta iniciativa conscientes de que redundará no beneficio dos colectivos profesionais aos que representan e do conxunto da cidadanía.