Celebrada a xornada sobre dixitalización para preservar o patrimonio inmaterial galego

“A dixitalización do patrimonio inmaterial” foi o eixe da xornada virtual celebrada esta mañá no marco dos encontros que anualmente organizamos PuntoGal e o Colexio Oficial e Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG/AETG) co gallo do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información e o Día das Letras Galegas.
Neste ano, a sesión contou coa participación do Museo do Pobo Galego, entidade que mantén o APOI, o programa de dixitalización, catalogación, estudo e difusión do patrimonio inmaterial posto a andar en abril de 2007. Trátase dun arquivo público e accesible que ofrece gravacións orais e musicais e os datos necesarios para poñelas no seu contexto cultural. O APOI conta con fondos de natureza moi diversa que se incorporan nunha única base de datos co obxectivo de facelos accesibles para toda a cidadanía. O APOI, que conta coa colaboración de PuntoGal desde 2022, está especialmente de actualidade este ano ao dedicárselle o Día das Letras ás cantareiras e a poesía popular oral.
Na conversa interviron Concha Losada, Presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Isabel Vigo, Técnica do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, Camilo Regueiro, vicepresidente de PuntoGal e Javier Fernández, Secretario técnico do COETG.
Camilo Regueiro comentou que a colaboración entre PuntoGal e o APOI parte do convencemento da importancia da conservación deste patrimonio para o futuro, tendo en conta que moito do material xa non existe máis que nestes arquivos. Igualmente, reivindicou o traballo feito nas primeiras recollidas dos anos 70 e 80, que capta perfectamente como era a sociedade por entón. Regueiro agradeceulles a eses voluntarios a documentación que se fixo polas aldeas, armados cunha gravadora e unha cámara, dun patrimonio que estaba a piques de desaparecer.
Pola súa banda, Concha Losada destacou que nun museo non só os obxectos son patrimonio: os xeitos de cantar, de facer determinados traballos ou de falar son patrimonio vivo. Este material, moito del recollido no século XX, consérvase coa tecnoloxía do século XXI, poñéndoo a disposición do público, non tanto coma bens materiais, senón como memoria á que moitos dos usuarios non teñen acceso máis que a través destas novas ferramentas. A presidenta do Museo do Pobo incidiu no valor dos metadatos e do contexto no que se aprenderon ou o uso que se lles daba ás cantigas, as circunstancias da recollida e do informante, que permite integrar as pezas no respositorio para podelas atopar despois.
Isabel Vigo, técnica do APOI, destacou que a dispoñiblidade pública é só unha pequena parte do traballo: todo ese material pódese consultar porque se dixitaliza, codifica e custodia nun arquivo que non para de medrar en fondos e en actividade, reflectidas nas moitas solicitudes de consulta. Vigo afirmou que a recuperación de material recollido noutras épocas que está aparecendo agora mostra “verdadeiros tesouros” que levaban décadas en casas particulares.
Javier Fernández, do COETG, interesouse no tratamento dos arquivos e as necesidades dos metadatos, así como nas posibilidades que este material ofrece aos músicos novos cando afrontan o seu traballo de composición, tendo en conta o pulo que ten a música de raiz nestes últimos anos. Nestes casos, o arquivo é unha ponte cunha parte da historia á que xa non teñen acceso, facilitado neste caso pola tecnoloxía. Fernández concluíu poñendo o foco na importancia das tecnoloxías da información e a comunicación, na transmisión e conservación do patrimonio inmaterial da nosa cultura.